Cortapega, o novo ciclo de Desconcierto Cultural, é unha aposta pola música electrónica nesta nova era na que a produción musical transcende ás prácticas tradicionais. O seu obxectivo é pór en valor esta manifestación artística, que cada día conta con máis seguidores e artistas en Galiza, non só potenciando a escena galega, senón achegando tamén á nosa comunidade referentes da música de vangarda doutras latitudes.

A estrea de CortaPega será o próximo 18 de decembro en Santiago de Compostela. A música electrónica caracterízase pola súa gran variedade, polo que a proposta será esencialmente ecléctica. Haberá música de sofá, pero tamén música coa que poder amencer, e estilos nos que ambas se fundan. Tamén estarán presentes interesantes proxectos internacionais, nacionais, así como algunhas das iniciativas galegas máis vangardistas.

Artistas

John Grvy (Live)

John Grvy (Live)

Acotío comparado con Frank Ocean, The Weeknd ou Hudson Mohawke, este xove artista madrileño asimila coma ninguén o pop e o soul, vestíndoo todo cun elegante traxe de electrónica ou coma se James Blake se atopara con Prince. As malas línguas xa falan de que é a next big thing de Pitchfork; así que aproveita a oportunidade de velo antes de que sexa tarde.

Morales (Live)

Morales (Live)

Un dos artistas a descubrir para este 2015 según medios coma Jenesaispop. O músico Manuel Morales e o tamén músico e productor Raúl Santos-ex Planetas, ex Cabriolets- desafiaron as leis da gravidade co seu primeiro disco, “Valentín”; unha cocteleira na que o kraut, a electrónica analóxica e o baile de axitación converxen de maneira sorprendentemente equilibrada creando unha sinfonía urbana de extrarradio.

Korokati (Live)

Korokati (Live)

Korokati é o proxecto máis consolidado de Roberto Casteleiro, un dos músicos máis versátiles do underground galego. Nas súas composicións, axitadoras de conciencias, entremézclanse o synth-pop e a electrónica progresiva nunha proposta épica e revolucionaria, na que non faltan os acenos a máis de 30 anos de música.

Fire to Fire (DJ set)

Fire to Fire (DJ set)

Pechar un macroevento coma o Orgullo Gay 2015 madrileño da moita solvencia a calquera, máis a unha parella de Dj´s coma Fire To Fire, Mano e Boca, que tiran dun amplo fondo de armario. Retro futurismo dos 80´s e synthpop autoreferencial nesta nova onda chamada vaporwave. A súa proposta conseguirá que non te despegues da pista de baile durante todo o que quede da noite nunha sesión que dará moito que falar.

Disco Episcopal*

Disco Episcopal*

Disco Episcopal son Aloe Perra e Paspi Vicio, capos dunha netlabel de vangarda, nacida en Lugo, co obxectivo de dar relevancia á música electrónica. As súas sesións son unha aliaxe sonora de diferentes épocas e latitudes; entre o intelectual e a evasión. Subgraves tenebrosos, tech-house e vandalismo UK Garage son, para este colectivo, as ferramentas coas que dar renda solta ao hedonismo. Un fin de festa prometedor.

*no Cachán Clube

Música

Entradas